Músicas Ao Vivo nace no ano 2008 co obxectivo de agrupar e unificar as inquietudes das
músicas e músicos de directo, e como plataforma de intercambio de información e opinión.
Pretende ser un lugar onde todas as músicas teñan cabida e así posuír unha voz común deste
colectivo. A filosofía desta asociación baséase en dignificar a música en directo e o traballo das
músicas e músicos que a levan a cabo.
Nestes anos, a asociación converteuse nun referente indiscutible para as músicas e músicos
galegos, como interlocutor lexítimo fronte á administración autonómica. Forma parte tamén
de diferentes colectivos musicais a nivel estatal e internacional de dignificación da profesión,
como a Unión de Músicos ou a Federación de Músicos Asociados. Fai un gran esforzo por
mellorar na comunicación e visibilidade das músicas e músicos galegos, sen facer distinción
entre tipos de música, disciplinas ou estilos.
Ademais das tarefas anteriormente descritas, a asociación é a impulsora da cooperativa
Músicos ao vivo S. Coop. Galega, proxecto creado coa finalidade de promover a
profesionalización da actividade e de facilitar o proceso de facturación das músicas e músicos
galegos, a través dun sistema 100% virtual, económico, sinxelo e á vez exemplarizante. Tarefas
como a elaboración de facturas de actuación, realización de altas no réxime de artistas e
nóminas, facturas proforma, sinatura de contratos, pagamentos individualizados aos músicos
das formacións, etc; son parte da actividade diaria da cooperativa, tan necesaria hoxe en día
para o mantemento de estruturas profesionais e creativas e para tratar de regularizar a
situación laboral dos músicos e músicas ante o reiterado incumprimento xeralizado da
normativa vixente en espectáculos públicos.
SECCIÓN COMPOSTELA
Ante todo somos profesionais da música comprometidos e con vontade de aportar novos
camiños e horizontes a nosa profesión. Somos membros de Músicas ao Vivo - Sección
Compostela, a primeira vertente local derivada da Asociación Músicas ao Vivo, entidade que
traballa na labor de representación de tódolos músicos de Galicia. Sendo conscientes da
enorme calidade e talento dos artistas da cidade, o cal foi sempre unha constante na súa
historia, buscamos dar visibilidade de maneira oficial e actualizada a todo o que nace nas
entrañas musicais de Santiago de Compostela, unificando e poñendo así en valor o noso gran
patrimonio cultural. Cremos na forza da unión e da asociación, polo que desexamos crear
entre todas e todos unha comunidade representativa do sector que traballe en conxunto polos
seus dereitos, e que sirva así mesmo de punto de encontro para compartir toda a creatividade
da nosa cidade.