COMPOSTELA É MÚSICA, QUE É?

COMPOSTELA É MÚSICA deu a coñecer de maneira oficial o enorme talento dos proxectos musicais activos en Santiago de Compostela e na súa comarca por primeira vez no ano 2017.

Recuperamos o proxecto impulsado por Músicas ao Vivo co apoio da Deputación da Coruña, co obxectivo cartografar a escena musical de Compostela e comarca.

Este censo utilízase como fonte de programación cultural de Compostela, tanto nas canles habituais, como en novas iniciativas que exploren a descentralización cultural e a procura de novos usos, públicos e espazos. A maiores, estará totalmente dispoñible para o seu uso entre outros programadores culturais públicos e privados da cidade.

Ademais de proxectos musicais en activo, ábrese a inclusión de Espazos de Programación Musical (salas de concertos, teatros, auditorios…), como parte fundamental e relacionada directamente cos traballadores do sector cultural musical.

Son os propios Artistas e Espazos de programación os encargados de rexistrarse na plataforma online nos prazos correspondentes, así como de aportar os datos requiridos para formar parte do mesmo.

Despois do éxito da primeira edición, con case 200 proxectos inscritos, COMPOSTELA É MÚSICA revelouse como unha ferramenta útil, dinámica, viva e democrática para incentivar a programación do talento local. Usémola!!!